Casa grande de Xanceda
Posted in: Ciencias Naturais,Departamentos by miraflores on Abril 17, 2009
<!– @page { margin: 2cm } P { margin-bottom: 0.21cm } A:link { so-language: zxx } –>

Visita á Casa Grande de Xanceda
Por mor do visionado da película Pradolongo e ante a curiosidade de ver in situ unha explotación gandeira actual, os alumnos e alumnas interesados de 1º bach e 3º ESO visitamos a Casa Grande de Xanceda, o día 2 de abril.
O traxecto levou case unha hora e durante a viaxe puidemos decatarnos do cambio da paisaxe entre a cidade e as urbanizacións ás que estamos afeitos. Pasamos por unha paisaxe de agros, veigas e monte que transcorre entre a terras de Cambre, Betanzos, Abegondo e Mesía. A nosa chegada coincidiu co regreso das vacas aos establos porque durante o inverno dormen baixo cuberto mais a partir de mediados deste mes xa dormen nas veigas.
Fomos recibidos por Guillermo Martínez Ruiz, veterinario e director-xerente da empresa que nos acompañou e explicou todo canto estabamos dispostos a aprender. Así divididos en 2 grupos visitamos a fábrica do iogur. Puidemos comprender como para a explotación de leite se fixo necesario a creación dun produto industrial coma o iogur para tirar verdadeiro partido da explotación leiteira, e como un produto de tan alta calidade atopa atrancos para a súa realización e para a súa distribución ante unha dura competencia. Quedamos abraiados cando se nos explica que a froita procesada para o iogur procede de Austria ou os seus vasos de Suíza e comprendemos as dificultades e o enorme esforzo que significa traballar no agro inda que sexa coa máis moderna tecnoloxía.
Visitamos a sala de muxir, que recibe 60 vacas na súa sala de espera preparada con maquinaria de alta tecnoloxía. As vacas soamente comen herba fresca das veigas e un aporte de millo e outras verduras todas elas libres de herbicidas, pesticidas ou de calquera abono non natural. Son vacas, que nos pareceron enormes, que viven máis anos e que producen un leite natural e rico. Despois vimos as estancias de cuxos e cuxas, os primeiros véndense e as segundas recríanse e pasan a formar parte da explotación. Neste momento tiñan 480 animais e 280 producindo leite.
Para rematar convidáronnos a probar o iogur ecolóxico Casa Grande de Xanceda, en diferentes modalidades: natural, de sabores e con anacos. A todos nos pareceu riquísimo e regresamos ás 18 horas, satisfeitos da visita e do remate do segundo trimestre.



Máis información en : http://www.casagrandexanceda.com
Departamento de Lingua e Literatura Galega.
1 comentario
Feed RSS dos comentarios deste artigo. TrackBack URL
Sentímoscho, o formulario de comentarios está pechado neste momento.
Eu tamén fun co meu colexio e paseino moi ben. O que mas me gustou foron os terneiros sobre todo darlles o biberon!
Comentario by ceip — 29 Setembro 2010 @ 3:42 p.m.